Friday 03 de May de 2024

O concello dota co servizo de saneamento aos núcleos do Igrexario e de Reirís na parroquia de Erboedo


Tamén está proxectada a mellora desta mesma estrada, que se realizará unha vez completado o soterramento das tubaxes de saneamento.

O Concello ten en fase de execución a segunda fase das obras de ampliación da rede de abastecemento na parroquia de Erboedo.

A intervención contempla a construción dun novo ramal cunha lonxitude aproximada de 400 metros que conectará a rede existente nos núcleos do Igrexario e de Reirís coa depuradora situada no lugar do Toural. A obra tamén permitirá, nun futuro, avanzar cara a ampliación a outros núcleos de poboación.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Pablo Cambón, supervisaron hoxe os traballos cunha visita ao lugar das obras.

O proxecto ten a dobre finalidade de dotar con novos servizos e aumentar a calidade de vida das persoas residentes nesa zona rural, ao mesmo tempo que favorecerá o equilibrio entre a actividade humana e os ecosistemas naturais ao evitar posibles verquidos de augas residuais nun espazo próximo ao río Anllóns.

Ademais, unha vez concluídas as obras de soterramento das tubaxes, esa mesma estrada será obxecto doutro proxecto complementario dirixido renovar a superficie de rodadura dos vehículos coa aplicación dunha capa de aglomerado asfáltico, incluíndo o acondicionamento dos sobreanchos e a sinalización viaria.

Nestas actuacións serán investidos en total máis de 130.000 euros.